Páxina de encontro do movemento memorialístico galego
Iniciativa Galega pola Memoria
  • Novas
    • Verdade >
      • O dereito a saber, a liberdade investigar
    • Xustiza >
      • Encontro da IGM co relator da ONU
      • Informe do Relator especial da ONU Pablo de Greiff sobre o Estado Español en materia de verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición
    • Reparación >
      • Nomes
    • Non repetición >
      • Manifesto de Montecubeiro contra a apoloxía do franquismo
  • Principios
  • Actos
    • Listaxes e Memorial
    • Historia do memorialismo galego
    • Homenaxe nacional ás vítimas do franquismo >
      • 2006
      • 2007
      • 2008
      • 2009
      • 2010
      • 2011
      • 2012
      • 2013
      • 2014
      • 2015
    • Desagravio ás vítimas do franquismo en Montecubeiro
  • Adhesións
    • Persoas
    • Entidades
  • Opinión
  • Recursos
    • Audio
    • Ligazóns
    • Fotos >
      • San Simón
    • Publicacións
    • Vídeos

A IGM demanda que a declaración de lugares de memoria leve aparellado un uso destinado a divulgar o padecemento que a ditadura infrinxiu ás vítimas en Meirás e San Simón

10/1/2026

0 Comments

 
Foto
A plataforma, que engloba a colectivos de todo o país, presentou un recurso para esixir que o Estado poña fin á realización de actividades lúdicas na illa redondelá
Piden que, tras o período de alegacións, se recoñeza o papel das asociacións no recoñecemento dos lugares de memoria e tamén nas actividades futuras
​
A Iniciativa Galega pola Memoria demanda que as recentes declaracións das illas de San Simón e Santo Antón así como do Pazo de Meirás como lugares de memoria leven aparelladas que o seu uso se destine á recuperación da memoria das vítimas do franquismo.  O memorialismo galego considera que o recoñecemento do Pazo e  das illas como lugar de memoria é un paso positivo, mais botan en falta unha maior concreción e compromiso por parte do goberno central para protexer estes espazos referenciais da represión e da resistencia antifranquista. 
No caso concreto da illa de San Simón e san Antón,  a IGM vén de presentar un recurso no que reclaman que se revise e amplíe o contido da declaración como lugar de memoria, dotando dunha maior protección os espazos relacionados con traballos forzados, lugares de castigo, tortura e morte. Lembran que máis de 500 presos morreron na illa polas duras condicións do presidios e varios centos foron sacadas do recinto para seren asasinadas.
A IGM cuestiona a afirmación oficial de que “a declaración como lugar de memoria democrática non altera o uso actual”, xa que esta redacción lexitima de facto as actividades que se veñen desenvolvendo en San Simón baixo a xestión da Xunta, e que consisten basicamente en eventos de lecer, festivais musicais e de danza, campamentos de temática pirata ou excursións turísticas de carácter comercial.
Para a IGM a pervivencia destes usos mercantís e lúdicos é contraria ao seu simbolismo como lugar de memoria e de respecto e constitúe unha evidente banalización do espazo. Por iso considera que deben ser restrinxidos mediante unha norma que regule o tipo de actividades que son compatíbeis coa condición de lugar de memoria democrática e, nese senso, solicitan que se cumpra o compromiso de vixiar á Xunta no desenvolvemento de actividades, tal e como apuntou Fernando Martínez, secretario de Estado de Memoria Democrática, na súa intervención na illa.
A IGM pide tamén que o Estado recoñeza formalmente o papel que as entidades memorialistas tiveron na solicitude de declaración de San Simón como lugar de memoria, xa que foron estas quen o promoveron en xullo de 2024. Porén, ese  extremo  non foi  recollido pola administración cando, un ano máis tarde, incoou de oficio o procedemento sen sequera dar resposta ao escrito da asociacións. Por iso agardan que o Estado recoñeza o papel fundamental que estas tiveron na demanda do nomeamento das illas como lugar de memoria, e que sexan tidas en conta á hora de celebrar futuros actos para evitar agravios como os vividos ata o de agora. 
0 Comments

Manifesto San Simón 2026

8/26/2026

0 Comments

 
Foto
Conmemoramos o 90 aniversario do golpe militar que desatou unha brutal represión e provocou milleiros de vítimas en diferente grao, desde a morte e a tortura até o exilio ou o cárcere pero que, en calquera caso, todas sofreron inxustamente as consecuencias do asalto pola forza ao poder do Estado de quen non lograba pacificamente acadar o apoio suficiente da vontade popular democraticamente manifestada. 
Lembramos colectivamente un pavoroso acontecemento da nosa Historia e facémolo co fin de preservar a súa memoria e manter vivo o seu terrible significado. Porque non podemos, nin queremos, esquecérmonos do padecemento das vítimas da sublevación militar fascista de 1936.
Esa ideoloxía que animou daquela o uso da violencia para compensar a súa falla de argumentos é hoxe un ideario en auxe, que lonxe de ser un vestixio do pasado aínda fascina a grandes capas da poboación que se ven seducidas pola inculpación a chibos expiatorio dos seus males. Por isto é tan importante a memoria como vacina contra estes totalitarios ao lembrar os seus efectos perniciosos: a destrución física, económica e cultural que provocaron na nosa sociedade e da cal aínda non nos recuperamos.
É pois, hoxe, 20 anos despois da fundación deste espazo de encontro, que consideramos máis necesario que nunca o labor que estamos a facer as entidades e persoas que confluímos na Iniciativa Galega pola Memoria. 20 anos despois da celebración daquel ano da memoria e a denominación de San Simón como Illa da Memoria, recordamos aqueles pasos adiante que demos entón, para ser conscientes dos pasos atrás que se están a dar agora e que requiren que reaccionemos con máis contundencia. 
Por iso reafirmámonos nos principios comúns que nos uniron xa hai dúas décadas. 
O dereito a verdade 
Continúamos a denunciar as trabas para acceder aos arquivos e a falla de difusión do acontecido durante o período franquista. Seguimos a demandar apoio á conservación e potenciación dos arquivos da memoria, tanto públicos como de partidos, sindicatos, fundacións e outras entidades.
Instamos á Administración a que apoie os familiares das vítimas da represión na procura de información, presentación de reclamacións, e cantos trámites precisen.
Esiximos a intervención pública das distintas administracións nos labores de localización, identificación das foxas de enterramentos das vítimas do franquismo e, no seu caso, exhumación. A divulgación dos resultados e a elaboración dun protocolo de actuación científica multidisciplinar.
Tamén a revisión dos currículos escolares, fomentando e apoiando a elaboración de materiais didácticos sobre o período republicano, a sublevación militar fascista, a Ditadura e a resistencia antifranquista.
O dereito á xustiza
Esiximos a condena do franquismo, que foi declarado en decembro de 1946 pola ONU como un réxime criminal. 
A declaración da nulidade dos xuízos franquistas, de todos os procesamentos, sentenzas, expedientes, condenas e sancións, tanto durante a Guerra Civil como na posterior Ditadura, ate a aprobación da Constitución española no ano 1978. 
A aplicación do dereito internacional sobre as vítimas da represión franquista, incompatible con calquera mecanismo de impunidade, é dicir a súa imprescritibilidade. 
A consideración dos crimes do franquismo como delitos contra a humanidade. E A anulación, seguindo a recomendación da Comisión de Dereitos Humanos da ONU datada o 30/10/2008, da Lei de Amnistía do ano 1977.
O dereito á reparación
Pedimos a todas as administracións (central, autonómica e local) a retirada nos espazos públicos dos símbolos franquistas e as referencias ás persoas relacionadas coa Ditadura que sirvan para a exaltación deste réxime.            .
E reclamamos actuacións proactivas a prol de significar os lugares de memoria coa súa respectiva sinalización e conservación, así como o respaldo a todas as iniciativas que contribúan ao recoñecemento público das vítimas a través de monumentos, rótulos ou denominacións de locais, etc.. co fin de reparar persoal e socialmente a aqueles que sufriron a represión franquista.
E desde este lugar que foi campo de concentración, esiximos a inmediata declaración  como lugar da memoria da Illa de San  Simón e do Pazo de Meirás empregando o seu uso para a difusión da nosa memoria histórica, así como o apoio e a tramitación favorábel das iniciativas locais de recoñecemento de lugares da memoria que se presenten.
Garantías de non repetición
Demandamos tamén a regulación da apoloxía do franquismo como delito, e a prohibición de toda exaltación do mesmo. Que se protexan e amparen os monumentos memorialísticos, e se investigue e persiga a súa vandalización coa conseguinte sanción exemplar aos culpábeis.
En definitiva, sobran os motivos para seguir a reivindicar memoria. Vimos xuntándonos todos os anos desde hai 20 nesta illa para a homenaxe nacional ás vítimas do franquismo na Galiza. Co vento a favor ou en contra seguimos a remar todos xuntos,  todas xuntas, ano tras ano, na dirección dun mundo mellor no que a democracia, a paz e a liberdade pola que loitaron as persoas que aquí lembramos sexan ao fin realidade.​
0 Comments

Repulsa polo agravio á memoria de Moncho Reboiras

6/16/2026

0 Comments

 
Foto
0 Comments

A IGM esixe unha rectificación ao PP polas declaracións que negan centos de mortes de presos na illa de San Simón

1/22/2025

0 Comments

 
Picture
Presos en San Simón intervindo na homenaxe nacional ás vítimas do Franquismo e relatando o acontecido na illa.
Para que non se repitan situacións así, esixen á Xunta un programa estable de actividades de investigación, divulgación, homenaxe e aproveitamento pedagóxico relacionado co tempo en que o espazo foi cárcere franquista
16 de xaneiro de 2025.- Ante a gravedade das declaracións emitidas onte no Parlamento galego polo portavoz do PP, o señor Ferro Iglesias, nas que negaba a existencia de mortes na illa de San Simón durante a etapa en que foi campo de concentración franquista (1936-1943), as entidades agrupadas na Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) veñen de facer pública unha declaración na que califican as afirmacións “de extrema gravidade, polo que supoñen de negación da verdade histórica e banalización do acontecedido nun das máis duras e crueis prisións franquistas” e por iso solicitan “ inmediata rectificación pública do representante do PP e unha petición de desculpas ás vítimas e ás súas familias.”
Recordan desde o organismo, que agrupa a boa parte do movemento memorialista do país, que “está máis que acreditada e demostrada a represión extrema, a crueldade, as torturas, os traballos forzados, as extorsións o terror que sufriron os presos da Illa de San Simón e do barco Upo Mendi”. Nese senso, e seguindo as investigacións de Gonzalo Amoedo e Roberto Gil, publicadas no libro “Episodios de terror durante a guerra civil na provincia de Pontevedra. A illa de San Simón (editorial Xerais, 2008)”, explican que na illa de San Simón morreron cando menos 482 persoas de fame e enfermidade, sobre todo nos anos 1940-1941 e 1942 e a cifra “non recolle a totalidade das mortes xa que a documentación que existe é incompleta ou de difícil acceso”. A maior parte destas persoas falecidas por fame e enfermidades –explican- eran o grupo de presos coñecidos como “os vellos”: persoas de avanzada idade procedentes de zonas afastadas de Galiza, que non contaban con redes de apoio familiar. Constatan ademais que foron enterrados en cemiterios de Redondela e Vigo e ainda hoxe hai numerosas familias que non coñecen onde están os seus restos.
A IGM entende que “a illa foi unha especie de “corredor da morte” para ducias de presos aos que foron buscar para ser fusilados diante dun pelotón militar ou sacados de noite por grupos falanxistas e da garda cívica para ser “paseados” nas estradas dos concellos da contorna”. E ante a negativa expresada onte por Ferro Iglesias lembran tamén que “é de público coñecemento que o 5 de agosto de 1938 fusilouse na illa a 8 presos asturianos que foran trasladados desde o campo de concentración de Camposancos”-
Ante a evidencia dos datos, desde a Iniciativa Galega pola Memoria cualifican as declaracións do parlamentario popular de “irresponsables e falsas, un exemplo máis da actitude negacionista e revisionista da Xunta e do PP en relación coa represión franquista e coa Illa de San Simón”, e lembran que “a Xunta do PP négase a desenvolver programacións de memoria histórica e convertiu a Illa de San Simón nun parque de atraccións xestionado por empresas privadas que organizan nese espazo actividades que ocultan e trivializan o seu pasado como lugar de terror, de tortura, de morte e represión ideolóxica”.
Consideran que todo o anterior confirma a necesidade de que San Simón sexa declarado “Lugar de memoria histórica democrática” ao abeiro do previsto na lei 2022 de memoria democrática, tal como solicitou o pasado mes de xullo de 2024 a IGM que ademais demanda a aprobación dun plan de usos da illa que prohiba expresamente o desenvolvemento de actividades ofensivas cara ás vítimas, e a organización dun programa estable de actividades de investigación, divulgación, homenaxe e aproveitamento pedagóxico relacionado co período en que a illa foi campo de concentración franquista, para que non se repitan nunca situación como a de onte, amosándose disposta a prestar a colaboración precisa para levalo a cabo. Por último, solicitan que a Xunta apoie publicamente e colabore na declaración de San Simón como lugar de memoria histórica democrática e que recupere a denominación de “Illa da Memoria”.
0 Comments

O movemento memorialista galego celebra que o Estado aceptase a súa solicitude de declarar San Simón e Meirás lugares de memoria

1/9/2025

0 Comments

 
A Iniciativa Galega pola Memoria realizou o trámite ante a Dirección General de Atención a las Víctimas y Promoción de la Memoria democrática en xullo, ao entender que ambos enclaves son referentes non só da memoria da represión, senón tamén da loita cidadá contra o esquecemento e contra a impunidade
O colectivo, que engloba a medio cento de asociacións do país, lamenta ter sabido a nova pola prensa. A única comunicación recibida ata o momento do Estado foi a esixencia de traducir ao castelán a solicitude remitida en galego. Nese senso, lembran que perseguir as linguas distintas ao castelán é tamén unha rémora franquista que hai que superar
Foto
Concentración diante dos xulgados da Coruña pola devolución do Pazo de Meirás
Foto
Acto de homenaxe nacional ás vítimas do franquismo celebrado pola IGM en San Simón
Pontevedra,  9 de xaneiro de 2025.- O movemento memorialista galego, a través da Iniciativa Galega pola Memoria, vén de  amosar a súa satisfacción pola decisión do goberno estatal de aceptar a súa proposta de declarar a illa de San Simón e o Pazo de Meirás como lugares de memoria. A plataforma, que coordina á meirande parte das asociacións do país, presentou o pasado xullo ante a Dirección General de Atención a las Víctimas y Promoción de la Memoria Democrática, a documentación prevista na lei 20/2022 para o recoñecemento de ambos enclaves, ao entender que simbolizan non só a memoria da represión senón tamén da loita contra o esquecemento e contra a impunidade dos crimes franquistas levada a cabo polo pobo galego. 
Para o colectivo, a decisión supón un primeiro paso para corrixir a eiva que, ao seu entender, supuña a carencia de espazos galegos no listado de lugares incluídos no texto normativo. Entende que San Simón e o Pazo de Meirás teñen unha “especial relevancia histórica e simbólica”, mais agarda que a lista poida ser ampliada no futuro con outros lugares de memoria do país. 
A IGM agarda ademais que a declaración posibilite, por un lado, afondar na divulgación tanto do ocorrido no tempo en que a illa redondelá foi cárcere (outono 1936-marzo 1943) como  nos anos en que o pazo sadense foi residencia oficial da xefatura de Estado (1938 a 1975). Ademais, espera que a súa consideración como lugares de memoria serva para garantir a súa protección, evitando a continua utilización para fins contrarios á memoria histórica democrática que se levan a cabo en ambos lugares. Hai que lembrar que, malia a recuperación do Pazo de Meirás por parte do Estado, na actualidade segue tendo o acceso restrinxido, e no caso de San Simón a situación tampouco é mellor, pois a Xunta de Galicia permite que a illa sexa continuamente utilizada en beneficio de empresas privadas que se dedican a realizar nela actividades contrarias ao seu carácter público e a súa condición de ben de interese cultural. De feito, o movemento memorialista galego leva anos denunciando a programación en San Simóns de actividades lesivas coa memoria dos presos políticos e as súas familias: ginkanas de procura do tesouro, festas do Samaín, probas de orientación, brunchs, festivais musicais, etc. Confían en que a súa cualificación como lugar de memoria democrática por parte da administración estatal, titular tanto da illa como do Pazo, acabe de vez con este “mercadeo”.
A única resposta, un agravio á nosa lingua
Nas solicitudes presentadas en xullo, a IGM incluíu o respaldo expreso de máis dunha vintena de asociacións memorialistas culturais e veciñais do país, entre elas a CRMH da Coruña, as Asembleas Republicanas de Vigo e Ourense, a Fundación Alexandre Bóveda, a Fundación Tilve, O Facho, o Galo ou Agra do Orzán. Malia iso, a coordinadora do colectivo lamenta que tiveran que saber da nova pola prensa, pois aínda non recibiron comunicación oficial nin extraoficial da aceptación da súa solicitude. Lamentan tamén que a única nova desde o Estado foi o requerimento en outubro de traducir ao castelán as solicitudes que o colectivo enviara en galego e lembran que a persecución das linguas distintas ao español tamén foi unha eiva franquista que é necesario superar. 
Para apoiar a solicitude, que segundo o recollido pola prensa, se materializará a partir de agosto, o colectivo destacou, no relativo a Meirás, o feito de que se practicaran abusos tanto na súa adquisición como durante o seu funcionamento como residencia de verán do ditador. No primeiro caso pola extorsión á que foron sometidas persoas propietarias de terreos necesarios para a ampliación dos dominios da familia Franco. No segundo, polas medidas represivas que o goberno do réxime totalitario adoptou nas reunións celebradas no Pazo. 
A represión é tamén evidente no caso de San Simón. Durante o tempo en que funcionou como campo de concentración (outono de 1936- primavera de 1943) estiveron retidos na illa centos de republicanos –non só galegos, senón tamén doutras partes do Estado-. De feito o amoreamento foi tal, que a ditadura chegou a fondear fronte as súas costas o buque Upo Mendi, que serviu de improvisada prisión para os soldados da Fronte Norte que xa non cabían na illa e tamén para aqueles presos do Lazareto que tiveran un comportamento máis díscolo, nunha sorte de castigo. Para algúns dos presos, San Simón foi a última paisaxe pois as sacas eran continuas e tamén foron moitos os sacados da illa para ser levados ante un pelotón de fusilamento. Mais na documentación tramitada, o movemento memorialista destacou tamén que foi lugar de resistencia, loita democrática e solidariedade. Lembran acenos de resistencia como a negativa dalgúns presos a comungar malia a imposición dos ritos católicos por parte das novas autoridades, ou a solidariedade amosada non só por reclusos como o médico pontevedrés Celestino Poza Cobas, que atendía tanto a compañeiros como a gardas, senón tamén, e nomeadamente, o das mulleres da contorna que facían de madriñas para proporcionarlles alimento, roupa limpa ou facerlles de correo coas familias. 
Ambos enclaves destacan ademais, e así se manifestou na documentación remitida en xullo, como símbolos da loita cidadá pola memoria democrática e en contra da impunidade dos crimes franquistas. Baste lembrar que o traballo do movemento memorialista coruñés foi clave para lograr a devolución do Pazo ao Estado ou que desde 2010 é a sociedade civil organizada a que mantén en San Simón a loita pola verdade, a xustiza e a reparación das vítimas, pois a chegada do Partido Popular á Xunta supuxo a reversión do vello Lazareto como illa da memoria e o inicio dun periplo de programacións irrespectuosas co alí acontecido durante a ditadura, ao que a IGM agarda poña fin a declaración estatal como lugar de memoria.

0 Comments

As memorias celebran a mobilización máis masiva en quince anos diante das portas do Pazo de Meirás pechadas polo Estado

6/19/2021

0 Comments

 
Imagem
Un milleiro de persoas acompañaron o movemento memorialista galego na manifestación deste sábado en Meirás, que topou as portas do Pazo pechadas polo Goberno do Estado quen impediu unha xornada festiva nos xardíns das Torres, un espazo recuperado co esforzo de ducias de activistas durante máis de corenta anos, un espazo público e de memoria democrática prohibido hoxe ás vítimas da barbarie fascista, representadas nunhas imaxes en carteis colocadas ás portas de Meirás nos prolegómenos da marcha.
“Desde a última marcha a Meirás mudou algo moi significativo. O Pazo agora é patrimonio do Estado. O que non mudou é o lado do muro no que temos que manifestarnos. Seguimos sen poder entrar no Pazo de Meirás. O Estado español non permitiu. Nunha democracia normal, hoxe as portas de Meirás estarían abertas. Mais están pechadas”, dixo Carlos Babío, portavoz da #IniciativaDEFENDEMeirás, plataforma da manifestación que apoiaron 68 organizacións memorialistas de todo o país, partidos, sindicatos, asociacións veciñais e culturais.
O escenario, previsto para ser instalado nos xardíns do Pazo, situouse finalmente na explanada principal, a carón das portas que o Goberno central se negou a abrir sen xustificar a súa negativa en argumento ningún. Pouco despois das doce, arrancou a marcha cunha pancarta co lema O Pazo para o pobo e a memoria, seguida doutra levada por persoas represaliadas durante os estertores do franquismo na Transición e que recollía a lista das case seiscentas persoas asasinadas polo terror fascista a partir del 1936.
“Por aquelas e aqueles que viron as súas casas e terras furtadas para maior gloria do ditador e do seu réxime. Por aquelas e aqueles que, en tempos de miseria, tiveron que dar o que non tiñan para obsequiar a quen lles negaba a liberdade. Por aquelas e aqueles que padeceron persecución por seren veciñas e veciños do ditador. Por aquelas e aqueles que nos anos da II República soñaron cun Meirás e cunha Galiza na que vivir unha vida xusta e traballaron con entusiasmo pola conquista desa idea. E remataron nunha cuneta, no cárcere, nos montes, no exilio. Ou simplemente obrigadas e obrigados a recibir a Franco ao berro de Arriba España e co brazo en alto, ou colgando a bandeira bicolor no balcón da súa casa baixo coacción. Aclamando pola forza a quen lles furtara o futuro. Por todas e todos, reivindicamos un pazo de Meirás en posesión do pobo”, explicou Manuel Pérez Lorenzo, outro dos portavoces da plataforma impulsada pola IGM (Iniciativa Galega pola Memoria), durante a lectura do manifesto.
Na marcha, de apenas tres quilómetros por estradas dos arredores do Pazo, tomou parte o alcalde de Sada, Benito Portela, que colaborou na organización do acto, xunto a líder e portavoz nacional do BNG, Ana Pontón e outros cargos nacionalistas, militantes e simpatizantes de Anova, con Antón Sánchez á cabeza, de Podemos, con Antón Gómez-Reino, Esquerda Unida e de Sadamaioría e da Marea Atlántica. Partidos, sindicatos e asociacións arrouparon aos representantes do movemento memorialista da Coruña, con Fernando Souto, presidente da CRMH, e as ex presidentas Beatriz Gómez e Manuel Monge, con outros destacados activistas da loita por Meirás, como Plácido Lizancos. Tamén estiveron presentes colectivos memorialistas do resto de Galiza.
“Estamos aquí porque a batalla por Meirás non rematou”, dixo Carlos Babío na lectura do manifesto, despois das intervención dos actores Isabel Risco e Fernando Morán, que ofreceron unha parodia da familia Franco, e de tres pezas das Tanxugueiras que entusiasmaron aos asistentes. “De agora en adiante, Meirás debe servir para honrar a memoria das vítimas. Sen menoscabo doutras funcións e valores que o conxunto atesoura, o pazo de Meirás ten que ser no futuro fundamentalmente un espazo referente de memoria democrática, pois foi epicentro do poder do franquismo durante 36 veráns e é resultado dun espolio continuado. Por iso foi reivindicado como patrimonio público, non por ningunha outra razón”, concluíu Babío, quen subliñou que o obxectivo do acto non era outro que impedir a rapina dos Franco e volveu reclamar que o Estado e a Xunta de Galiza se impliquen en protexer os bens todos que forman parte dun conxunto declarado Ben de Interese Cultural.
O berro de ‘Franquismo Nunca Máis’ e co agradecemento da #IniciativaDefendeMeirás a todas as asociacións que colaboraron na mobilización, ao Concello de Sada pola súa decisiva contribución para poder celebrar un acto salvando todos os obstáculos que puxo a Administración central, a Luis Davila, autor do cartel, as artistas que se comprometeron na festa, Isabel Risco, as Tanxugueiras (Aida, Olaia e Sabela) e Fernando Morán e todas as persoas que colaboraron achegando o seu apoio, rematou a maior mobilización das memorias do país desde hai quince anos.   
0 Comments

A IGM insta á Xunta a utilizar todos os instrumentos que recolle a Lei de Patrimonio Cultural para impedir que se produza un novo saqueo en Meirás coa retirada de bens

4/21/2021

1 Comment

 
A plataforma memorialística rexeita “o cariz franquista” dun auto que converte o saqueador en vítima e criminaliza o Estado por recuperar propiedades que, como quedou documental e xudicialmente avalado, foron obtidas de xeito fraudulento.
“A Galiza democrática agarda, tras 45 anos de loita, non ter que seguir empurrando contra a inacción dos executivos estatal e autonómico, após de que sega tendo no poder xudicial español un adversario en lugar dun aliado na procura de verdade, xustiza e reparación para as vítimas que esixen os organismos internacionais”, di

Imagem
A Coruña, 21 de abril de 2021. A Iniciativa Galega pola Memoria insta a Xunta a utilizar todas as prerrogativas que lle dá a Lei de Patrimonio Cultural para impedir que Galiza viva un novo saqueo franquista coa retirada de bens do Pazo de Meirás. A plataforma, que engloba a asociacións memorialísticas de todo o país, denuncia o cariz franquista desta nova sentenza da sección número 3 da Audiencia Provincial da Coruña que, seguindo a pauta da emitida en febreiro, converte ao saqueador en vítima e criminaliza o Estado por recuperar bens que, como quedou documental e xudicialmente avalado, foron obtidos de xeito fraudulento e na situación de terrorismo institucional que supuxo o franquismo.
A IGM recorda que, malia o novo fallo do tribunal provincial, a Xunta ten instrumentos para impedir a saída de bens do Pazo de Meirás en base ao establecido pola Lei 5/2016 para a protección de Bens de Interese Cultural. Coincide co goberno de Sada en que a execución provisional da sentenza que posibilitou a entrega do Pazo ao Estado non pode ser allea ao contido do inmoble catalogado no seu día como “sitio histórico” e ínstalle a publicar con carácter urxente a catalogación dos bens que seguen dentro. Un sitio histórico non se pode desmantelar por pezas, pero se houbese algunha dúbida que o sentido común non acepta a atopar, a IGM considera convinte que tamén o Estado inicie unha nova batalla xudicial en defensa da propiedade dos bens móbeis.
A IGM lémbralle á Audiencia Provincial da Coruña que a única vítima de espolio en Meirás é o pobo galego que, case medio século despois da morte na cama do ditador, ten que seguir aturando a anomalía democrática dunha reedición do saqueo. Porén, para a plataforma o fallo coñecido onte supón incluso algo máis grave que vulnerar a protección dunha propiedade estatal de interese histórico: Supón un novo insulto ás vítimas imposíbel de asumir nunha democracia.
Lembra que a loita polo Pazo non ten como obxectivo acadar un ben material senón denunciar a impunidade, o mantemento de prebendas franquistas en democracia que tan ben exemplifica Meirás. De aí que non se poda dar nin un paso atrás. A Galiza democrática agarda, logo de 45 anos de dar a batalla, non ter que seguir empurrando contra a inacción dos executivos estatal e autonómico, após de que, por desgraza, sega tendo no poder xudicial español un adversario en lugar dun aliado na procura de verdade, xustiza e reparación para as vítimas que esixen os organismos internacionais.
1 Comment

A IGM amosa a súa satisfacción polo recurso do Estado “que volve avalar o poder da loita do pobo galego en materia de memoria”

3/10/2021

0 Comments

 
Imagem
A plataforma agradece o apoio de milleiros de persoas e ducias de colectivos que empurraron a loita capitaneada por Babío e Pérez Lorenzo que, de novo, lograron con pedagoxía e divulgación mudar a decisión do Estado, inasumíbel en democracia
Máis alá do que determine o Supremo, para a IGM a decisión de onte é unha vitoria e agarda que “o pobo non volva precisar nunca facer titánicos esforzos para lograr que Estado e Xunta defendan a memoria das vítimas do xenocidio franquista”
A Coruña, 10 de marzo de 2021. A Iniciativa Galega pola Memoria quere amosar a súa satisfacción pola decisión do Estado de recorrer a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña que, ademais de obrigar a indemnizar á familia Franco, establece a boa fe no proceder do ditador e a súa descendencia. Para o colectivo, o cambio de parecer dos gobernos, tanto estatal como autonómico, volve amosar a forza da loita pola memoria que o pobo galego vén exercendo desde hai décadas. Sen o esforzo maratoniano realizado nos últimos quince días por millares de persoas e ducias de colectivos galegos e estatais, as administracións avalarían unha sentenza que resulta totalmente inasumíbel desde o punto de vista democrático, non só por pretender institucionalizar o espolio a través da entrega de cartos públicos a quen o realizou, senón tamén por dar por bo un relato edulcorado da ditadura xenocida que suporía unha nova burla ás vítimas.
A loita social foi clave para rematar coa incomprensíbel pasividade que as institucións democráticas mantiveron durante máis de corenta anos respecto ao espolio da familia Franco. O cambio que supuxo a interposición en xullo de 2019 da demanda para a recuperación de Meirás veu provocado por anos de mobilización social. Cando foi iniciada por apenas media ducia de integrantes da CRMH da Coruña que se apostaban cunha pancarta ás portas do Pazo pedindo a súa devolución, a súa pretensión era considerada unha tolemia, pero seguiron adiante e o seu constante e solitario esforzo persoal conseguiu a base de investigación e divulgación mudar a opinión pública: a das institucións e a da sociedade galega, que hoxe é maioritariamente –mesmo unanimemente se temos en conta a postura do seu Parlamento- partícipe da loita contra a impunidade franquista que simboliza Meirás. Para o cambio foi clave o titánico e desinteresado traballo dos investigadores Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo, sobre o que se sustentou a demanda estatal. Dous anos despois da súa presentación, o seu papel e o do movemento memorialístico volve ser clave para lograr, con apenas quince días de marxe, facer cambiar de opinión aos dous gobernos que, de novo, se querían amparar en cuestións técnicas para eludir a súa obriga de defender, sen escusas, os postulados democráticos.  Nas últimas dúas semanas, Babío e Pérez Lorenzo encabezaron un manifesto que de novo facía pedagoxía respecto a postura da Audiencia e as súas consecuencias, e lograron co apoio sen fisuras de todos os colectivos englobados na IGM, miles de sinaturas e o apoio de ducias de agrupacións galegas e estatais, nomeadamente vascas, madrileñas e andaluces, en apenas 24 horas. Co mesmo obxectivo atenderon a medios de comunicación, reuníronse cos partidos representados no parlamento galego e encabezaron un acto reivindicativo nas portas da Delegación do Goberno. Onte o extenuante traballo daba os seus froitos cun comunicado do goberno totalmente diferente ao emitido quince días atrás.
Por todo iso, a IGM quere agradecer o esforzo de ambos, así como o de todas as persoas que a través da súa sinatura, do seu traballo nas diferentes organizacións memorialísticas ou co seu discurso nas redes ou no seno das súas respectivas agrupacións políticas, empurraron para lograr, de novo, mudar o que parecía inamóvibel. Alegrase de ter sido quen, unha vez máis, de demostrar que a base de traballo, información e determinación, o movemento memorialístico e en xeral, o pobo galego é quen de mudar unha posición do Estado que resultaba un atentado contra a dignidade das vítimas.
Máis alá do que determine o Tribunal Supremo, para a IGM a decisión de onte é unha vitoria e agarda que o pobo non volva precisar nunca máis facer titánicos esforzos para lograr que as administracións democráticas que o representan traballen na  defensa da memoria das vítimas do xenocidio franquista.
0 Comments

A IGM aprema a Estado e Xunta para que se poñan a traballar no recurso de Meirás ante a inminencia do remate dos prazos legais

3/9/2021

0 Comments

 
Imagem
Agarda que no pleno de mañá se produza un pronunciamento claro do Parlamento para instar a ambos executivos.  A plataforma cre que hai base xurídica para opoñerse á sentenza e que, máis alá dos aspectos técnicos, a ética democrática esixe vontade política das tres forzas para opoñerse ao “relato franquista” do fallo
A Coruña, 9 de marzo de 2021. A menos dunha semana para que remate o prazo de interposición, a Iniciativa Galega pola Memoria aprema ao Estado e á Xunta para que deixen de adiar a decisión política e se poñan a traballar na preparación legal do recurso contra a sentenza da Audiencia Provincial de A Coruña que obriga a indemnizar á familia Franco polos anos de ocupación do Pazo de Meirás. 
Representantes da IGM mantiveron nos últimos días reunións cos tres grupos políticos presentes no Parlamento de Galicia. O BNG reafirmouse no seu total apoio á presentación do recurso por parte do Estado, principal actor no proceso, así como á adhesión ao mesmo da Xunta de Galicia, mentres que populares e socialistas comprometéronse, a instancias da plataforma, a instar a ambas administracións a recorrer, “sempre que existan posibilidades xurídicas” para facelo. A IGM agarda que os encontros deriven nun pronunciamento claro do Parlamento e que no Pleno de mañá mércores, no que se abordará o asunto, se inste tanto á Xunta como ao Estado a presentar recurso, tal e como solicitou a súa representación nas reunións. 
Como voceiro do organismo, o investigador Carlos Babío, autor xunto con Manuel Pérez Lorenzo do libro Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, facilitou aos grupos que o solicitaron información que avalaría a existencia de soportes legais para recorrer o fallo. A IGM entende, en base ao minucioso e documentado traballo de ambos,  que hai base xurídica para opoñerse á sentenza da Audiencia Provincial que considera a familia Franco posuidora “de boa fe” do Pazo, e nomeadamente, ao feito de que estableza 1975 como data de inicio para o recoñecemento dos dereitos de posesión, cando os netos e netas do ditador non asumiron a propiedade ata decembro de 2017.  Porén, máis alá dos fundamentos legais para presentar recurso, a plataforma que agrupa o movemento memorialista galego insiste en que, como representantes de institucións democráticas, as tres formacións teñen “a obriga ética” de opoñerse a un fallo que asume o relato franquista e branquea a represión e o espolio levados a cabo polo ditador.  Ten claro que o de Meirás non é un debate material nin económico, que a loita polo Pazo non se iniciou para acadar un ben material senón para denunciar a impunidade franquista. Na loita contra esa impunidade,  Meirás é un símbolo, a icona dun discurso de denuncia sen paliativos ao xenocidio franquista e, polo tanto, totalmente contrario ao que recolle a sentenza provincial.
0 Comments

A IGM denuncia unha nova utilización retorcida do feminismo e de Pardo Bazán por parte da Xunta de Galicia a fin de inaugurar Meirás cun acto totalmente alleo á memoria

3/2/2021

0 Comments

 
Imagem
A Coruña, 1 de marzo de 2021. A Iniciativa Galega pola Memoria vén de denunciar unha nova “utilización retorcida” do feminismo e da figura de Emilia Pardo Bazán por parte da Xunta de Galicia, que anunciou a súa intención de celebrar en Meirás a entrega das medallas que, co nome da ilustre escritora, premian iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da igualdade. Previsto para o 8 de marzo, o acto sería o primeiro a celebrar no Pazo desde que a xustiza lle recoñeceu a propiedade ao Estado e, para a IGM, o feito de que non se escolla inauguralo cun recoñecemento ás vítimas do franquismo e á propia loita en contra da impunidade e o esquecemento realizada polo pobo galego, é unha burla á memoria, que adquire maior gravidade no seu intento de agochala nun acto de recoñecemento á imprescindíbel loita para a igualdade que leva a cabo o feminismo e que a IGM apoia sen fisuras. 
A plataforma, que engloba a asociacións de memoria de todo o país, alerta, máis unha vez, do intento do goberno de Núñez Feijóo por facer en Meirás o mesmo que fixo coa illa de San Simón, á que lle mudou o tratamento de “illa da memoria” para rebautizala como “illa do pensamento”. Aseguraban que sería un alicerce para a creación poética, literaria e artística pero acabaron programando actividades propias dun parque de atraccións, con ginkanas e festas de disfraces e piratas, totalmente incompatíbeis co pasado da illa como campo de concentración franquista. 
Neste caso, a escusa para afastar do Pazo a loita antifranquista é o feminismo e a figura de Emilia Pardo Bazán, cuxo recoñecemento institucional agromou coincidindo coa loita xudicial contra o espolio franquista auspiciada desde a cidadanía e que, ata a inasumíbel sentenza da Audiencia Provincial da Coruña, contaba co respaldo unánime das institucións democráticas. Insiste a IGM en que a mellor homenaxe que se lle pode facer a Emilia Pardo Bazán é precisamente denunciar un réxime patriarcal e aniquilador dos dereitos das mulleres como foi o franquista, e condenar un golpe de Estado que volveu relegar as mulleres ao papel de nais e esposas cando precisamente estaban empezando a adquirir dereitos como cidadás.
A plataforma avoga por realizar este acto de merecido recoñecemento ao traballo en prol da igualdade de Megumi Shiozawa, a Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense e á Asociación Rede, mulleres veciñais contra os Malos Tratos de Vigo, nun lugar alternativo a Meirás.

0 Comments
<<Previous
    Imagem

    IGM

    Iniciativa Galega pola Memoria

    Memorial
    Entidades adheridas
    Imagen

      Contacto

    Enviar

    Fuente RSS

Powered by Create your own unique website with customizable templates.