Desde as asociacións galegas de memoria histórica aglutinadas na Iniciativa Galega pola Memoria, aproveitamos o inminente inicio da campaña das autonómicas de 2020 para instarlles a incluír no seu programa electoral e a defender no Parlamento que elixan as urnas o vindeiro 12 de xullo, as reivindicacións do noso colectivo, que en liñas xerais serían as seguintes:
Entendemos que, nestes tempos de rexurdimento do fascismo, a transmisión e a vindicación da memoria democrática galega é urxente e por iso agardamos que a súa necesaria defensa non fique fóra do traballo que a súa agrupación realice na vindeira lexislatura.
- Aprobación dunha Lei de Memoria Histórica Galega fundamentada no respecto aos dereitos humanos; e particularmente ao dereito á Verdade, á Xustiza, á Reparación e á Non Repetición, que amplíe os dereitos recoñecidos pola lei estatal ás vítimas do franquismo, e que inclúa a dotación de infraestruturas para axudar ás familias na procura de información e na solicitude das axudas que contempla a devandita lei, instando ao goberno central á súa recuperación e ampliación. Nese senso, consideramos de máximo interese as recomendacións do informe do relator da ONU, Pablo de Greiff, incluído o apoio á derrogación da Lei de Amnistía de 1977. Avogamos tamén pola nulidade dos xuízos franquistas, de todos os procesamentos, sentenzas, expedientes, condenas e sancións, tanto durante a Guerra Civil como na posterior Ditadura, ate a aprobación da Constitución española no ano 1978.
- Aprobación dunha política pública de memoria e realización dun programa propio de actividades de investigación, divulgación e homenaxe ás vítimas do franquismo, que preste especial atención aos centros educativos, coa inclusión na currículo dos distintos niveis educativos e o apoio á realización de materiais pedagóxicos adecuados sobre a historia recente, o golpe militar do 36, e as súas causas e consecuencias.
- Reactivación e financiamento do Proxecto Universitario “Nomes e Voces” para a investigación e divulgación da represión franquista na Galiza, así como medidas tendentes a garantir a difusión pública de toda a información incluída no mesmo: imaxes, documentos escritos, gravacións... Apoio tamén ás actividades de investigación, divulgación e homenaxe que se leven a cabo no país e nomeadamente as que realizan as asociación de recuperación da memoria histórica.
- Adopción de medidas lexislativas que faciliten o acceso aos arquivos que albergan documentación relacionada coa represión, ou insten ás autoridades responsábeis dos mesmos a facilitalo. Dotación de medios para a investigación, a clasificación e a divulgación dos fondos. Apoio á conservación e potenciamento dos arquivos da memoria, tanto públicos como de partidos, sindicatos, fundacións e outras entidades.
- Declaración da Illa de San Simón como Illa da Memoria, e aprobación dun Plan de Usos que teña en conta o seu pasado como campo de concentración franquista e o seu carácter de BIC.. Demandamos que nas visitas á Illa se informe con amplitude sobre o seu pasado como cárcere e como corredor da morte, e sobre as sacas das que foron vítimas ducias de militantes republicanos, e que non se permita realizar na mesma actividades contrarias á memoria das vítimas.
- Respaldo a calquera medida, incluídas as xudiciais, que loite contra a impunidade do franquismo, ora recuperando bens espoliados, ora xulgando, tanto no ámbito internacional como dentro do noso territorio, as persoas vinculadas coa represión franquista, persoándose naquelas que afecten a vítimas galegas. Nomeadamente, e como integrante da Coordinadora Estatal de Apoyo a la Querella Argentina CeAqua, a IGM solicita a colaboración co proceso xudicial aberto desde Arxentina contra o réxime franquista.
- Erradicación en todo o territorio galego da simboloxía franquista ou de calquera elemento que lembre a ditadura e sexa ofensivo para as vítimas: nomes de rúas e prazas, monumentos, símbolos, honores e distincións...Vincular o investimento público destinado á restauración patrimonial (fontes, lavadoiros, …) á retirada da simboloxía franquista existente neles, incluíndo a restauración de igrexas, capelas ou calquera outro ben eclesiástico e facer un seguimento real do cumprimento na obra desta esixencia.
- Creación dunha Rede Galega de Lugares da Memoria, sinalizados mediante unha imaxe e simboloxía común, e edición dun mapa guía dos Lugares da Memoria Democrática de Galiza onde se inclúan lugares de represión, lugares de resistencia, espazos de solidariedade e tamén foxas comúns, incluída a ría de Vigo, que é a maior foxa común de Galiza.
- Intervención pública nas labores de localización das foxas de enterramentos das vítimas do franquismo e no seu caso, das labores de exhumación, divulgando os resultados e elaborando un protocolo de actuación científica multidisciplinar para a identificación dos restos.
- Condena explícita da ditadura franquista e rexeitamento do fascismo e de calquera tipo de exaltación do mesmo. Illamento de calquera formación que ampare ou branquee o fascismo.
Entendemos que, nestes tempos de rexurdimento do fascismo, a transmisión e a vindicación da memoria democrática galega é urxente e por iso agardamos que a súa necesaria defensa non fique fóra do traballo que a súa agrupación realice na vindeira lexislatura.