Dionisio Pereira
En calidade de acompañante do movemento, algo do que me sinto particularmente orgulloso, e aproveitando que se cumpre o 80 aniversario do golpe militar de 1936 e o 10º da declaración de San Simón como "Illa da Memoria", solicítame a xente da Iniciativa Galega pola Memoria unha intervención a modo de balance do camiño percorrido pola corrente a prol da memoria dos vencidos e vencidas na Galiza. Sen máis dilacións, porque o tempo apremia, comezamos.
Está en discusión se na Transición e no contexto estatal se recuperou a memoria asolagada e se por parte da Universidade se favoreceu a investigación ao respecto. Semella que se publicou moito, mesmo no apartado da creación; tamén fixéronse documentais anovadores e, de xeito espontáneo, comezaron a ser escavadas fosas onde ficaban soterradas vítimas do fascismo. Eiquí, por exemplo, por volta de 1981 os familiares do que fora alcalde de Gomesende, Celso Pérez, exhumaron pola súa conta o cadáver do cemiterio de Sorga (A Bola). Daquela, por estes lares xa agromara unha literatura testemuñal que relataba a persecución que sufriran os seus autores, caso de Ramón de Valenzuela ou de Silvio Santiago. Houbo, asemade, certas mostras de xornalismo de investigación sobre a memoria do 36: eis, a reportaxe de Francisco Cerecedo sobre a desfeita de Tui, que apareceu en 1979 na revista “Historia 16”. Tamén por aquel tempo xurdiron colectivos que, anos andados, terán protagonismo neste eido tal que a Asociación Cultural Alexandre Bóveda (A Coruña), coincidente con outras de longo percorrido como O Galo (Compostela) que, con cautela, iniciaron a transmisión daquela magoada memoria tras a morte de Franco. Porén, naquel intre a Universidade galega viroulle as costas á demanda de investigacións relativas á Guerra Civil. Mesmo os que pretendíamos estudar o movemento operario na Galiza e albiscabamos a represión franquista ao lonxe, eramos tratados como rara avis. Case ao final desta etapa (1980) e afastado así mesmo das rixideces académicas, Hartmut Heine publicará o seu libro referencial sobre a guerrilla galega.
Publicouse, si, mais quen o fixo resultou ser maiormente alguén que daba testemuño de apesaradas vivencias e con recurso a pequenas editoriais, sempre en desvantaxe coas prebendas mediáticas de neofranquistas como Ricardo de La Cierva. A falta de mellor cousa, naquela altura actuou como voceiro do memorialismo unha revista, “Interviu”, cualificada de frívola. Esta publicación, ademais, foi vítima dun aviso a navegantes por parte da dereita que decote esgrimía a guerra como espantallo: contra 1978, “Interviu” foi secuestrada por un artigo sobre a presunta implicación de Antonio Rosón, entón presidente da Xunta preautonómica, na represión desatada no leste de Lugo. Mais toda aquela información sobre o comportamento faccioso, obstaculizaba a pretensión de construír unha democracia sen derrubar parte das bases do réxime franquista; iso foi o que pactou a maioría da oposición antifranquista, que transixiu en pagar o prezo do silencio verbo do acontecido a partir de 1936. Non sorprenderá, pois, que no affaire “Interviu”, Carrillo, García Sabell e Ramón Piñeiro coincidiran en que non había probas contra Rosón e conviña esquecer o asunto. Guste ou non, a orixe do escurecemento que en diante caeu sobre a memoria d@s vencid@s, está na Transición.
Os anos 80 e a metade dos 90 do s.XX, foron tempos de mesto esquecemento da represión franquista. Nin o goberno do PSOE en España, nin o do PP na Galiza, desenvolveron políticas públicas de memoria democrática. Tampouco a Universidade se deu por aludida e só a historia oral aportou a única achega da institución académica galega: así, entre 1989 e 1993, o proxecto Historga conformou un nutrido fondo de relatos persoais, antes de que @s protagonistas morreran no desamparo. Porén, no eido municipal si houbo algúns avances canto á simboloxía fascista, pois corporacións de esquerdas, primeiro a de Ferrol (1981) e logo a de Compostela durante o mandato de Xerardo Estévez, comezaron a ocupar o espazo simbólico franquista erguendo referentes alternativos: velaí, por exemplo, o monumento que no Ferrol lembra o 10 de Marzo de 1972. Nesa tarefa coincidiron con iniciativas cidadás que, mediante subscricións populares, se apropiaron dalgúns lugares de memoria tal que a fosa do camposanto de Sestás (A Guarda).
Na sociedade, foi o intre dos francotiradores, que no país teñen nome propio: Isaac Díaz Pardo, alicerce da colección Documentos das Ediciós do Castro, cuxos 210 títulos publicados entre 1981 e 2009, recolleron testemuños da barbarie a eito. Ao seu carón, a colección Crónica de Edicións Xerais e os Cadernos A Nosa Historia difundidos a partir de 1986 por A Nosa Terra, deron a coñecer autores pioneiros que aínda hoxe son cita obrigada para o estudo da IIª República, a contenda civil e a guerrilla posterior tal que Carlos Fernández, Bernardo Máiz, Carlos Reigosa, Luis Lamela ou Marc Wouters.
Dende 1996 muda a tendencia. O baleirado do sistema político en chave antidemocrática polos gobernos de Aznar, achanzou o camiño para unha crítica dos pactos de outrora; na Galiza o auxe do nacionalismo, que erradicou os rótulos franquistas de Pontevedra, doulle así mesmo pulo ao activismo da memoria. Ao cabo, unha nova xeración (a dos netos das vítimas) fíxose notar pola reivindicación dos avós represaliados. Este vento portante posibilitou un maior interese pola Guerra Civil: novos autores e flamantes iniciativas editoriais, tal que a colección O Fardel da Memoria de A Nosa Terra, se sumaron ao universo pro-memoria. Tamén o tecido asociativo se enriqueceu ao abrollar colectivos de persistente andaina: a Fundación 10 de Marzo de CCOO, foi un deles. Ao cabo, houbo outro feito relevante: a Universidade dou sinais de vida coas primeiras teses de doutoramento centradas na represión, como a de Julio Prada centrada na provincia de Ourense.
Daquela, no devalo do século XX a corrente a prol da memoria inzaba na Galiza, de xeito que un terzo dos colectivos activos na década seguinte xa existían. A concorrida inauguración (1996) na Alameda de Tui do conxunto de Silverio Rivas encargado pola Comisión Cidadá pola Verdade do 36 do Baixo Miño, daba conta do que sen axudas públicas se era capaz de facer.
O impacto mediático e simbólico da escavación no Bierzo da fosa de Priaranza pola ARMH (2000), foi notorio no país. Dende entón, a exhumación dos “desaparecidos” foi tamén potente altofalante dos eixos do movemento en chave humanitaria, mais tamén confrontada co franquismo. Antes de que comezaran as escavacións, na Galiza tivo lugar (2003) en Narón o 1º Congreso da Memoria, organizado pola asociación Memoria Histórica Democrática de Ferrol. Nel ficou claro que o diálogo entre @s memorialistas e a sociedade estaba maduro e os colectivos eran quen de acordar un programa que teimaba na construción dunha identidade baseada na esixencia de verdade, xustiza e reparación para as vítimas, na recuperación dos valores republicanos e, non sen tensións, a consideración da corrente nacional de conciencia colectiva que mantivo ata hoxe un discurso propio.
En suma, o movemento a prol da memoria, que nos momentos álxidos integrou na Galiza máis de 60 asociacións e colectivos, estaba definido pola súa diversidade e tamén polas diferentes lecturas verbo da impunidade consagrada na Lei de Amnistía de 1977.
Cando o PSOE e o BNG entran na Xunta (2005), este tecido posibilitou que por vez primeira se artellara unha política pública de memoria democrática na Galiza. Daquela, a Consellería de Cultura catalizou un proceso participado que, cos obxectivos de saber, contar, lembrar, pretendeu que a sintonía entre o movemento pro-memoria e a sociedade se ampliase á Universidade e ao sistema educativo, sempre baixo unha perspectiva galega e de xénero. O emprego de medios públicos para promover as actividades dos colectivos, d@s creador@s, d@s investigador@s, socializou o movemento dunha maneira inédita. O traballo realizado no período, foi inxente: ás múltiples publicacións, homenaxes, exposicións, conferencias, xornadas, etc., compre engadirlles a realización duns 20 audiovisuais, así como o emprazamento de 35 monumentos e incontables placas de recordatorio das vítimas, esparexidos por todo o país. Houbo iniciativas como o “Barco da Memoria” ou o “Memorial da Liberdade”, que atraeron moitos milleiros de persoas. Tamén a escavación de fosas continuou a bo ritmo e non menos de 35 foron exhumadas ata o ano 2012, a grande maioría delas pola ARMH. Ao tempo, promoveuse un programa interuniversitario de pescuda da represión denominado “Nomes e Voces”, que estabeleceu un diálogo entre historia e memoria a través do activismo memorialista. Os seus resultados, a base de dados con 15000 persoas represaliadas entre 1936-39, das que perto de 5000 foron asasinadas, un fondo oral de 570 entrevistas e outro gráfico de 22000 fotos e documentos dixitais, aseguran futuras investigacións sobre o castigo franquista e os mecanismos de reprodución da Ditadura na Galiza.
Neste mesmo intervalo, houbo no memorialismo un aceso debate sobre a Lei da Memoria que o PSOE levou adiante a treu. Froito das conversas, xurdiu a Iniciativa Galega pola Memoria, punto de encontro dos colectivos que pretendían o recoñecemento integral das vítimas. O obxectivo, é sabido, non se acadou plenamente e tanto a impunidade dos represores como a anulación dos Consellos de Guerra continúan a ser materias pendentes, mais o espazo de acción en común perdurou.
Tras a vitoria do PP nas autonómicas do 2009, o retorno á lei do silencio evidenciou as carencias da política de memoria do bipartito, lastrada polo desigual compromiso das diversas instancias gobernativas e a feble vontade política para cumprir integramente o programa; daí, eivas relevantes como a precariedade das propostas dirixidas ao eido educativo e á mocidade, ou o non nato Centro da Memoria. De resultas, nun clima de liquidación do labor de recoñecemento da memoria das vítimas, agravado pola crise económica que afectou dabondo aos compañeiros de viaxe do mundo editorial e dos medios de comunicación propios, tanto os colectivos como “Nomes e Voces” só puideron contar coas axudas do Estado que, logo da vitoria do PP nas eleccións a Cortes do 2012, tamén desapareceron. O memorialismo entrou, pois, en devalo, enfraquecido tamén polo esgotamento dun certo activismo tinxido de nostalxia. E o desleixo respecto dos monumentos reflicte tamén a cativa consideración da memoria, como denunciou hai pouco John Thompsom ao se referir ao lamentable estado no que se atopa o concibido por Xosé Vizoso no Monte Furriolo.
Malia o devandito, a IGM, que agrupa a maior parte da vintena de colectivos que seguen en activo no país, puido coordinar unha resistencia de mínimos á creba das políticas de memoria. E arestora teima en clarear os propios obxectivos, na liña das prioridades que o relator de Dereitos Humanos da ONU, Pablo de Greiff, apuntou na súa visita a Galiza: conquista do dereito á verdade, a reparación, a xustiza e as garantías de non repetición. É tempo tamén de peneirar territorios “virxes” que espertan tras a derrota municipal da dereita, ou render o traballo feito, caso da CRMH da Coruña, factotum da retirada da simboloxía franquista na urbe, meta longo tempo perseguida. Canto á ARMH, superada a parálise que lle impuxo a falta de axudas públicas a partir de 2012, anunciou xa que prepara a escavación de cinco fosas na Galiza. A Universidade, malia as dificultades para socializar parte do legado de “Nomes e Voces”, conta agora con sólidas liñas de investigación para aportar no futuro respostas que expliquen a lonxevidade da Ditadura. Ao cabo, o movemento pro-memoria, acredito, bule e está en disposición de recoller o sementado.
Nesta altura, acaso sería pertinente esculcar ata que punto o activismo da memoria rebordou o relato amable do franquismo na Galiza, que presenta un país entregado aos facciosos sen máis represalias que as provocadas polas xenreiras persoais e sometido de bo grao a un réxime paternalmente autoritario. As cifras de vítimas aportadas por “Nomes e Voces” negan semellante visión, mais hai dificultades para que a sociedade desbote o desleixo ou a “memoria dos vencedores” nos que foi maiormente educada. Entón, se o conciliador relato do franquismo segue a ser hexemónico, é preciso, é urxente, deslexitimalo, quer cunha vitoria política que guinde no vertedoiro da historia a súa impunidade, quer identificando e denunciando as herdanzas que nos condicionan aínda hoxe, dende a Audiencia Nacional convertida en "Tribunal de Orden Público" bis, ata o continuísmo das prácticas da Ditadura no rural. Entendo ademais, que unha perspectiva semellante posibilitaría o contacto do memorialismo con capas da poboación que, até agora, consideraron as motivacións deste cousas do pasado.
En definitiva, o movemento a prol da memoria d@s vencid@s, que non derrotad@s, é portador dun imperativo de rexa humanidade que proclama que nada está cancelado: daquela, que nos devolvan o furtado, o que uns non fumos quen de construír e outr@s máis novos acaso si o poderán levar a cabo no futuro.
E falando do que está por vir, permitídeme que remate proclamando o meu devezo por un futuro sen reis nin raíñas e sen tribunos ao servizo do capitalismo imperial.
Dionísio Pereira, Vilar,verán 2016.