A historia dun país, unha democracia digna de tal nome, non se pode construír sobre o silencio, sobre o esquecemento das vítimas da represión, sobre a ocultación e a desmemoria que aínda perviven hoxe, 79 anos despois do golpe militar fascista, 40 anos após a morte do Ditador.
Proclamámolo aquí, á beira da ría de Vigo, a maior foxa común de Galiza, estación última dos corpos de ducias de sindicalistas, obreiros, traballadores fondeados nas augas deste mar frío, fermoso e profundo. Depósito de loitadores pola República e a liberdade cuxos corpos nunca voltaron.
Berrámolo aquí, fronte ao Lazareto, “a illa dos amores para a morte confiscada”, lugar de prisión, de sufrimento, de humillación, de fame, de frío, de morte. Da morte que presentiron os que saíron da illa para seren fusilados en Pontevedra e en Vigo. Da morte que sufriron os que saíron da illa de noite –as noites da raposa, chamábanlle os presos- rumbo a unha curva, a unha cuneta, a unha praia da que nunca volveron.
Dicímolo alto e forte aquí, ao pé da estrada que construíron centos de presos da illa con man de obra escrava. Neste lugar de memoria que queren prohibir os herdeiros do franquismo, o continuadores da ignominia , os instauradores do Esquecemento.
E neste lugar cargado de simbolismo, de memoria e de dor, denunciamos que o sistema político vixente se instaurou sobre o esquecemento, sobre a amnesia, sobre unha amnistía que contravén o dereito internacional e os dereitos humanos.
Neste lugar anunciamos que non imos parar a nosa loita. Aquí fronte a San Simón, ao pé do cemiterio mariño, proclamamos unha vez máis a nosa decisión de seguir adiante no labor a prol da memoria histórica en Galiza. A nosa vontade de exercer con firmeza a defensa dos dereitos humanos a nivel local e no seo da Iniciativa Galega pola Memoria.
En consecuencia, e tendo en conta a singularidade do ano 2016 -80 aniversario do 36, do inicio da represión- facemos pública a seguinte táboa reivindicativa
1. Demandamos a aprobación dunha política pública da memoria de carácter estatal e por parte do goberno galego. Como punto de partida desta política, consideramos de máximo interese as recomendacións do informe do relator da ONU para os dereitos humanos, Pablo de Greiff. Entendemos portanto que a política da memoria debe fundamentarse no respecto aos dereito humanos; e particularmente no respecto ao dereito á Verdade, á Xustiza, á Reparación e a Non Repetición.
En consecuencia co anterior, esiximos a derrogación da Lei de Amnistía de 1977.
2. Reclamamos aos gobernos municipais e deputacións –nomeadamente aqueles con gobernos de esquerdas- que inclúan a política da memoria histórica nas súas prioridades políticas.
3. Esiximos ao goberno galego que a Illa de San Simón volva ser Illa da Memoria, e acolla prioritariamente actividades relacionadas coa memoria histórica. Demandamos que nas visitas á Illa se informe con amplitude sobre o seu pasado como cárcere e como corredor da morte, e sobre as sacas das que foron vítimas ducias de militantes republicanos. E que se non se organicen actividades contrarias ao respecto polas vítimas da represión.
4. Demandamos a recuperación e reactivación –con financiación do goberno galego- do Proxecto Nomes e Voces para a investigación e divulgación sobre a represión franquista en Galiza. E a difusión pública da documentación do proxecto: imaxes, documentos escritos, gravacións...
5. Solicitamos o apoio por parte do goberno galego ao labor das asociacións de recuperación da memoria histórica.
6. Apelamos a consciencia democrática de maxistrados e maxistradas para que non amparen a fascistas, integrantes activos da ditadura franquista, aínda vivos; favorecendo o seu xulgamento no noso territorio, así como a colaboración co proceso xudicial aberto desde Arxentina contra o rexime franquista.
7. Solicitamos unha decidida política de cara a facilitar o acceso aos arquivos que albergan documentación relacionada coa represión, así como a dotación de medios para a clasificación e a divulgación dos fondos na rede.
8. Esiximos a desaparición da simboloxía franquista e de todo tipo de elementos que lembren a Ditadura e sexan ofensivos para as vítimas: nomes de rúas e praza, monumentos, símbolos...
9. Propoñemos a organización ao longo de 2016 -en colaboración con concellos e deputacións- dun programa de actividades de investigación, divulgación e homenaxe sobre as vítimas do franquismo. No que atinxe á divulgación, prestarase especial atención aos centros educativos. Neste eido, solicitamos a inclusión na programación dos diferentes niveis educativos, de materiais pedagóxicos sobre a historia recente, sobre o golpe militar do 36, e sobre as súas causas e consecuencias.
10. Demandamos a creación dunha rede galega de Lugares da Memoria, sinalizados mediante unha imaxe e simboloxía común. E a edición dun mapa guía dos Lugares da Memoria Democrática de Galiza.
Nesta iniciativa daráselle prioridade a lugares de represión, lugares de resistencia, espazos de solidariedade, foxas comúns, e a ría de Vigo como a maior foxa común de Galiza.
Aquí estamos, seguindo o ronsel que deixaron tantos homes e mulleres valentes, solidarias, xenerosos. En pé de loita, coma eles e elas, que retornan con nós da noite do esquecemento para convertírense en fachos de luz.
Fronte a San Simón, ao pé da ría, en Vilaboa, aquí estamos. Para reclamar Xustiza, Verdade, Reparación. E Memoria, sempre.
Iniciativa Galega pola Memoria
Vilaboa, 28 de novembro de 2015.