Páxina de encontro do movemento memorialístico galego
Iniciativa Galega pola Memoria
  • Novas
    • Verdade >
      • O dereito a saber, a liberdade investigar
    • Xustiza >
      • Encontro da IGM co relator da ONU
      • Informe do Relator especial da ONU Pablo de Greiff sobre o Estado Español en materia de verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición
    • Reparación >
      • Nomes
    • Non repetición >
      • Manifesto de Montecubeiro contra a apoloxía do franquismo
  • Principios
  • Actos
    • Listaxes e Memorial
    • Historia do memorialismo galego
    • Homenaxe nacional ás vítimas do franquismo >
      • 2006
      • 2007
      • 2008
      • 2009
      • 2010
      • 2011
      • 2012
      • 2013
      • 2014
      • 2015
    • Desagravio ás vítimas do franquismo en Montecubeiro
  • Adhesións
    • Persoas
    • Entidades
  • Opinión
  • Recursos
    • Audio
    • Ligazóns
    • Fotos >
      • San Simón
    • Publicacións
    • Vídeos

Antonio Nores Soliño

5/28/2020

0 Comments

 

In memoriam

Nesta primavera convulsa que estamos a vivir, o raio que non cesa ven de agostar a saiva das raíces desta árbore referente da arqueoloxía e memoria histórica de Cangas, da nosa comarca e de Galiza.

A transcendencia que desempeña a memoria na constitución da identidade é incuestionable. O psicanalista Castilla del Pino aseveraba “Somos memoria porque temos historia”, “Somos a nosa Memoria”. Cando se perde a memoria, cando se esquece o pasado do que se veu, a identidade dilúese, bórrase e pérdese. Sen memoria non hai identidade.

Antonio Nores Soliño sempre tivo a consciencia inquebrantable do que representa a identidade deste País. Arqueoloxía, Patrimonio material e artístico (Xunta de Montes, Muiño de Fausto, A Mangallona, Capela do Hospital,..), Idioma, República, Levantamento militar do 36,.. conformaron o seu cosmos vital xirando arredor del a súa actividade e pensamento.
Antonio é sinónimo de Memoria. Era e seguirá a ser un soñador, un loitador e un defensor desa identidade. Loitaba, defendía, e...sufría. Cada ameaza a un elemento do noso patrimonio (xacemento, petróglifo, monumento..), cada nova dunha actuación que conlevaba efectos sobre o mesmo, cada neglixencia das distintas administracións ou particulares, provocaba nel unha angustia e un desacougo que lle custaba dixerir. A impaciencia, que ás veces amosaba, era manifestación do seu estado de ánimo e da consciencia de urxencia á hora de tomar decisións de salvagarda do mesmo. Cada hora, cada minuto que se perdera en evitar o dano, era fundamental na súa conservación. Era o seu inmenso amor á memoria, demandando a aplicación da lei na súa defensa.

Mais era tamén un claro impulsor de campañas de promoción, exposicións, recuperación e posta en valor de elementos e construcións da nosa historia, como todas e todos coñecemos.
Nestas última décadas concentrouse fundamentalmente na Memoria Histórica dunha forma exhaustiva e absorbente. Sufría por cada caso de impunidade do franquismo, por esas vagas e tsunamis de corrupción, polos actos de xenocidio, pola falta de dilixencia ou atrancos na eliminación de simboloxía franquista,..
Por ese mesmo interese e implicación, dinamizou e formou parte do movemento asociativo a nivel municipal, comarcal e de país. Investigaba, publicaba, e continuaba pescudando na nosa historia máis recente na procura da verdade, xustiza e reparación.

Déixanos un exemplo que temos que continuar, un legado de publicacións e documentación que temos que ordenar e divulgar. Estamos na obriga de facelo. Organizar unhas xornadas de arqueoloxía e de memoria histórica co seu nome arredor da primavera, do abril republicano e do seu mes de nacemento; da creación dun Fondo Documental de Memoria Histórica na Biblioteca Pública co seu nome, dun acto de posta en valor do seu traballo ao longo da vida,..son deberes a facer.
Posta en valor do patrimonio arqueolóxico e arquitectónico, bases de datos da historia de Cangas da 1ª metade do S. XX, publicacións, artigos, promoción de actividade e monumentos, ..son as súas grandes aportacións. A eliminación da simboloxía franquista da igrexa do pasado maio 2019 foi unha grande alegría tras moitos anos da súa loita, da loita de todas e todos.

Do seu amplo e variado traballo artístico, fica na praza do Concello unha fermosa lembranza reflectida na peza escultórica do Memorial de Liberdade, obra da que foi promotor e autor.
Moito ánimo e forza para a súa esposa Matilde, o seu fillo Antón, a súa irmá Claudina, e a toda a familia e amizades.


“ Que o libre voo das pombas da paz / erga para sempre a memoria solidaria / das xentes xustas que o deron todo / pola liberdade e a xustiza. / Pombas, pombas, pombas!”
Claudio Rodriguez Fer


Cangas, 28 maio 2020 - AC. MH. 28 Agosto de Cangas

0 Comments



Leave a Reply.

    Imagem

    IGM

    Iniciativa Galega pola Memoria

    Memorial
    Entidades adheridas
    Imagen

      Contacto

    Enviar

    Fuente RSS

Powered by Create your own unique website with customizable templates.