A IGM denuncia que a agresión supón unha nova aldraxe ás vítimas da represión franquista, que xa veñen sufrindo a cotío o absoluto desprezo de Xunta e Estado que unha e outra vez poñen atrancos á memoria
Pontevedra, 24 de xuño de 2017.- A Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), que agrupa colectivos de toda Galiza, quere sumarse á condena polos actos vandálicos cometidos contra o monumento en memoria dos carrilanos portugueses asasinados polo fascismo no concello ourensán de Castrelo do Val.
A peza, inaugurada en agosto de 2012 grazas ao empeño de Nomes e Voces, a Asociación Carrilanos de Campobecerros e o Concello de Castrelo do Val, lembra o asasinato de D. Ramiro, José María Sena e Antonio Ribeiro, este último aínda soterrado baixo a parcela que acolle o monumento. Os tres, carrilanos de profesión, naceran en Portugal pero no momento do golpe residían en Castrelo do Val. Polo seu apoio á República foron asasinados polo fascismo e máis de oitenta anos despois dese crime, a intolerancia cébase máis unha vez contra eles, destrozando a peza que honra a súa memoria.
Tanto a Asociación Carrilanos de Campobecerros como Nomes e Voces a través de Histagra condenaron xa estes feitos e solicitaron a restitución da peza por parte do Concello, que xa colaborara na súa creación e que tamén comprometeu a súa restitución. A Iniciativa Galega pola Memoria súmase a esa petición e como antes fixeron outros colectivos da zona como CIG Ourense, quere amosar publicamente o rexeitamento a actos que, coma este, supoñen unha nova aldraxe ás vítimas da represión franquista, que xa veñen sufrindo a cotío o absoluto desprezo das administracións autonómicas e estatais. Xunta e Estado non só se gaban de non destinar nin un só céntimo ás políticas públicas de memoria senón que unha e outra vez poñen atrancos a quen asume a obriga moral e democrática de recoñecer ás vítimas do 36.