Conferencia, venres 22 de marzo, ás 19.30, na casa Galega da Cultura (Praza da Princesa)
0 Comentários
As entidades agrupadas na Iniciativa Galega pola Memoria queremos denunciar a exclusión do estudo da historia do levantamento militar fascista contra a República, da represión contra vidas e dereitos durante a Ditadura (1936-1975) e das pervivencias do franquismo na transición e no período posterior da monarquía constitucional. Fronte a esta exclusión, reclamamos que este estudo se faga desde unha óptica galega, inserida no coñecemento da evolución histórica de Galiza nas primeiras décadas do século XX e durante a II República, no coñecemento e estudo da devastación humana, social e política causada no noso país polo golpe militar e a Ditadura, e na comprensión das consecuencias institucionais, sociolóxicas e ideolóxicas da Ditadura na sociedade actual. E esiximos que a incorporación destes contidos e coñecementos teña como referencia os tratados internacionais asinados polo Estado en materia de dereitos fundamentais e as esixencias das Nacións Unidas. Por todo o anterior, reclamamos un ensino que se asente no exercicio do dereito persoal e colectivo á verdade, á reparación, á xustiza e para garantir a non repetición do franquismo: 1.- O ensino debe deixar de ocultar a verdade da historia dos feitos que aconteceron no noso país, na medida que son imprescindíbeis para comprender a realidade presente en canto é froito deses sucesos. Para iso debe incorporarse no currículo o coñecemento dos crimes do franquismo e a memoria da resistencia contra este réxime opresivo. 2.- O ensino ten que compensar e corrixir unha longa socialización e normalización da represión franquista e da impunidade dos seus crimes. 3.- O ensino debe promover os valores de respecto aos dereitos humanos para o cal non pode excluír dos seus contidos a violación destes que se teñen producido no noso país e analizar de xeito crítico aqueles aspectos pendentes de abordar polo Estado neste ámbito e que teñen que ver coa impunidade, a non investigación das desaparicións forzosas, a prescrición de crimes contra a humanidade, etc... 4,- O ensino debe fomentar os valores democráticos para o cal é indispensábel educar na asunción do pluralismo político, na defensa das liberdades civís e do dereito de expresión e organización, na apreciación positiva da participación política e do compromiso social e combater calquera visión totalitaria e antidemocrática que xustifique ou faga apoloxía da represión destes dereitos fundamentais.
Pide ao Ministerio del Interior que se expediente por exaltación do fascismo ao axente Manuel Picón e critica que alguén con esta grave eiva democrática fose condecorado polo corpo na festa da súa patroa, a Virxe do Pilar Considera especialmente grave que este insulto ás vítimas do terrorismo franquista chegue de mans dunha persoa obrigada polo ordenamento xurídico a protexer á cidadanía e a defender o réxime democrático Pontevedra, xaneiro de 2018.- A Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) amosou a súa perplexidade e o seu total rexeitamento ante o feito de que Manuel Picón, membro da Garda Civil de Pontevedra, utilice como perfil do seu whatsapp unha imaxe dunha man realizando o saúdo fascista sobre a bandeira de España e baixo o lema “Arriba España Siempre”. O colectivo, que agrupa a asociacións de toda Galiza, considera especialmente grave que esta imaxe loando o réxime xenocida do xeneral Franco sexa utilizada por unha persoa que, dado o seu cargo, está obrigada polo ordenamento xurídico a protexer a cidadanía e a defender o réxime democrático. Nese senso, solicitan que o Ministerio do Interior abra un expediente ao axente onde se determine se puido cometer algunha ilegalidade por reproducir o saúdo utilizado ademais de polos franquistas, polos fascistas italianos ou os nazis. A IGM reprocha que unha persoa con esta total carencia de valores democráticos fose condecorada polo corpo con motivo da celebración da patroa “o que vén a amosar, unha vez máis, que o goberno lonxe de condenar o franquismo, aplaude aos defensores dun réxime que asasinou a miles de persoas e condenou a moitas outras ao cárcere, o exilio ou a numerosas vexacións. Esas persoas foron castigadas por defender unha democracia que agora perpetua a memoria dos seus torturadores mentres esquece a da Galiza mártir”. Eliminación da simboloxía fascista xa!!!Pontecesures, 4 de novembro de 2017.- Unha ducia de colectivos agrupados na Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) esixiron hoxe en Pontecesures a eliminación da simboloxía franquista que corenta anos despois do fin da ditadura pervive na Galiza. Elixiron este punto da xeografía para denunciar a “burla” do alcalde popular, Juan Manuel Vidal, de someter á consulta da veciñanza a súa obriga de eliminar un escudo falanxista dunha fonte pública. E fixérono no adro da Igrexa, diante dunha das cruces que todavía se manteñen no país na “memoria de los caídos por Dios y por España. O acto contou coa presenza de representantes da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, ARMH de Marín, CRMH do Barbanza, Sinhor Afranio do Deza, A Regaduxa de Vilaboa, ARMH de Valga, ARMH 28 de agosto de Cangas e Vagalume de A Estrada. Ademais, amosaron o seu respaldo ao acto Levada Libre de Tui, Sempre con vós de Pontevedra, Ateneo de Moaña ou Xoán Carballeira de Bueu, entre outras. Tamén estiveron presentes o parlamentario Luís Bará, a deputada provincial, Eva Villaverde, o concelleiro Roque Araújo ou as concelleiras Romina Nieto, María Ferreirós e Cecilia Tarela. Tarela, promotora da iniciativa, foi a primeira en intervir para lembrar os pasos dados pola oposición na reivindicación da eliminación da simboloxía antidemocrática. Seguiulle a dirixente da IGM, Mila Bouzón, para reivindicar a Iniciativa como punto de encontro de persoas e colectivos que durante as última décadas veñen loitando pola memoria histórica en distintos puntos da Galiza, así como para denunciar a perversión que supón someter a un proceso tan democrático como a consulta popular, algo tan antidemocrático como a exaltación do fascismo que segou a vida de centos de persoas na Galiza. Seguiulle na quenda de palabra o deputado Luís Bará, que incidiu na importancia de loitar contra a pervivencia do franquismo “non só nas pedras senón tamén na ideas” e alentou aos colectivos a seguir loitando na procura dunha democracia máis plena. Pechou o acto Xan Hermida, representante da ARMH de Barbanza, que interpelou directamente ao rexedor cesureño para que cumprise a súa obriga legal e ética, e tamén ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, para que “mañá mesmo reprobe ao alcalde do seu partido se persiste nesta eiva democrática inviábel noutros países da nosa contorna como Italia ou Alemaña. Imaxinades que alí houbese símbolos fascistas ou nazis? Alí sería impensábel. Aquí, intolerábel”. Ao rematar o acto, os representantes dos colectivos da IGM compartiron unha comida de confraternidade e celebraron unha xuntanza na que renovaron o seu compromiso de seguir loitando para a erradicación total do franquismo no noso país. Antecedentes Este acto reivindicativo xurdiu despois de que o rexedor cesureño respostase a unha petición de retirada do emblema da Falanxe dunha fonte, emitindo un bando no que propón unha consulta á veciñanza desa zona do municipio para decidir se cumpre ou non a Lei de Memoria Histórica. A IGM, como punto de encontro das asociacións memorialísticas galegas, mobilizouse no marco do seu compromiso de demandar a eliminación de calquera iconografía que exalte o alzamento militar e o réxime criminal que provocou tantas vítimas no noso país. Independentemente de que nestes momentos haxa una lei que recolla a obriga, considérao unha cuestión básica na defensa dos dereitos fundamentais e na necesidade de perseguir a verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición, que debemos a quen sufriron prisión, tortura, violacións e mesmo o asasinato por ser demócratas.
Pontecesures, 26 de outubro de 2017.- A Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), que reúne a colectivos de toda Galiza, vén de denunciar a decisión do alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal, de someter á consulta da veciñanza a súa obriga de eliminar a simboloxía franquista en cumprimento da lei de memoria histórica.
O rexidor cesureño respostou a unha petición de retirada do emblema da Falanxe dunha fonte, emitindo un bando no que propón unha consulta á veciñanza desa zona do municipio para decidir se cumpre ou non la Lei de Memoria Histórica. A IGM, como punto de encontro das asociacións memorialísticas galegas, ten acordado demandar a eliminación de calquera iconografía que exalte o alzamento militar e o réxime criminal que provocou tantas vítimas no noso país. Independentemente de que nestes momentos haxa una lei que recolla a obriga, é unha cuestión básica na defensa dos dereitos fundamentais e na necesidade de perseguir a verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición, que debemos a quen sufriron prisión, tortura, violacións e mesmo o asasinato por ser demócratas. Á IGM parécelle insultante que precisamente se queira revestir de democrático o enxalzamento da prohibición de ideas, organizacións e persoas. De haber unha opinión favorábel ao fascismo seria simplemente a constatación de que a eliminación física dos que tiñan outras opinións -que é o que representa esa ideoloxía- logrou o seu obxectivo no tempo e aínda hoxe se benefician do froito dos seus crimes. É o colmo da perversión da democracia promover unha especie de referendo para avalar a pervivencia do franquismo cando este se define precisamente como a negación das liberdades democráticas mínimas. É unha burla ás vítimas e un insulto á intelixencia. Por iso esiximos que o concello de Pontecesures dea cumprimento á eliminación da simboloxía franquista que se lle pide sen máis dilacións. A IGM denuncia que a agresión supón unha nova aldraxe ás vítimas da represión franquista, que xa veñen sufrindo a cotío o absoluto desprezo de Xunta e Estado que unha e outra vez poñen atrancos á memoria Pontevedra, 24 de xuño de 2017.- A Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), que agrupa colectivos de toda Galiza, quere sumarse á condena polos actos vandálicos cometidos contra o monumento en memoria dos carrilanos portugueses asasinados polo fascismo no concello ourensán de Castrelo do Val.
A peza, inaugurada en agosto de 2012 grazas ao empeño de Nomes e Voces, a Asociación Carrilanos de Campobecerros e o Concello de Castrelo do Val, lembra o asasinato de D. Ramiro, José María Sena e Antonio Ribeiro, este último aínda soterrado baixo a parcela que acolle o monumento. Os tres, carrilanos de profesión, naceran en Portugal pero no momento do golpe residían en Castrelo do Val. Polo seu apoio á República foron asasinados polo fascismo e máis de oitenta anos despois dese crime, a intolerancia cébase máis unha vez contra eles, destrozando a peza que honra a súa memoria. Tanto a Asociación Carrilanos de Campobecerros como Nomes e Voces a través de Histagra condenaron xa estes feitos e solicitaron a restitución da peza por parte do Concello, que xa colaborara na súa creación e que tamén comprometeu a súa restitución. A Iniciativa Galega pola Memoria súmase a esa petición e como antes fixeron outros colectivos da zona como CIG Ourense, quere amosar publicamente o rexeitamento a actos que, coma este, supoñen unha nova aldraxe ás vítimas da represión franquista, que xa veñen sufrindo a cotío o absoluto desprezo das administracións autonómicas e estatais. Xunta e Estado non só se gaban de non destinar nin un só céntimo ás políticas públicas de memoria senón que unha e outra vez poñen atrancos a quen asume a obriga moral e democrática de recoñecer ás vítimas do 36. As catrocentas persoas que asistiron ao acto nacional, celebrado onte no vello campo de concentración, sacáronse fotografías con cartelas con lemas como “San Simón non é un parque de atraccións” que xa están sendo compartidos nas redes. Ademais iniciarase unha recollida de sinaturas A escritora Susana Sánchez Arins, que foi a encargada de intervir na homenaxe nacional deste ano, reivindicou a través dun emotivo relato familiar, a implicación da xeración das netas do 36 na procura do verdadeiro relato do que pasou tras o golpe de Estado, “aínda que afecte ás nosas familias” A campaña iniciouse coincidindo co acto nacional en memoria das vítimas do terror franquista que a IGM celebrou na mañá de onte na illa e que contou coa presenza de arredor de catrocentas persoas, entre elas, o parlamentario Luís Bará (BNG), a parlamentaria Ángeles Cuña Bóveda (En Marea), a deputada de Cultura da Coruña Goretti Sanmartín e o seu homólogo pontevedrés Xosé Leal. Os catro sumáronse á campaña fotografándose con cartelas con lemas como “Polas vítimas da represión franquista, San Simón illa da memoria” ou “San Simón non é un parque de atraccións”, para a súa difusión en redes sociais. Tamén o fixeron escritores como Xosé Álvarez Cáccamo, César Calvar ou a poetisa Susana Sánchez Arins, así como representantes de todos os colectivos agrupados na IGM. A Iniciativa denunciou no acto que iniciaba a campaña “para loitar contra o humillante trato que a administración autonómica dá ás vítimas do terror franquista, convertendo este lugar de represión e memoria nun parque de atraccións, con ginkanas para que as nenas e os nenos vaian na procura dun tesouro ou con excursión nas que as persoas participantes non reciben explicación ningunha do que foi esta illa no tempo do terror”. E advertiu que denunciará “cada acto contrario á memoria que a Xunta poña en marcha. Recolleremos sinaturas e esixiremos á administración que cambie de rumbo”. A IGM, que tivo palabras de lembranza para Marivi Villaverde, Ana Viéitez, Lola Rodal, e Joaquina Dorado, loitadoras pola memoria falecidas recentemente, recoñeceuse na obriga de seguir o seu legado e proclamou que a posta en marcha desta campaña será “ só un primeiro paso para lograr pór fin á impunidade que durante corenta anos deu ao franquismo esta feble e desmemoriada democracia”.Dálles folgo, dixeron, boas novas para a memoria como o informe do relator da ONU, a recente anulación de xuízos franquistas polo Parlament Catalá ou a lección de dignidade de Ascensión Mendieta. Campos de concentración O acto de onte estivo dedicado a lembrar os campos de concentración que o franquismo habilitou na Galiza, empezando pola propia illa de San Simón, na que estiveron retidas máis de seis mil persoas entre os anos 1936 e 1943.A marinense Enriqueta Otero Molas aportou datos sobre o campo de Ferrol facilitados pola asociación de familiares de marinos vítimas base naval Ferrol, e a escritora Susana Sánchez Arins puxo o broche de ouro ao acto cunha emocionante intervención na que, a través do relato da historia familiar, especialmente da súa tía Pilar Arines, unha das moitas mulleres da contorna que axudou aos presos de San Simón, pregou pola implicación “da xeración das netas” do 36 na procura do verdadeiro relato do que pasou, “aínda que afecte ás nosas familias”. Sánchez Arins é a autora do libro “Seique” no que precisamente narra a implicación do irmán da súa avoa na represión fascista. Faite unha foto cun cartel na defensa da recuperación da illa para a memoria
A illa de San Simón acollerá o vindeiro domingo, 16 de xullo, a xornada en homenaxe ás vítimas do terror franquista que cada ano organiza a Iniciativa Galega pola Memoria coincidindo coa data en que tivo lugar o golpe de Estado.
Preto de catrocentas persoas xa contactaron cos colectivos agrupados na Iniciativa para reservar praza nos barcos que, desde ás nove e media da mañá, partirán do porto de San Adrián de Cobres, no Concello de Vilaboa, para cubrir o traxecto ata a illa. Como sempre, a xornada terá un carácter reivindicativo e neste 81 aniversario do golpe fascista estará dedicada aos cárceres e campos de concentración que os golpistas habilitaron nas distintas cidades de Galiza para confinar ás persoas que defenderon a legalidade republicana: San Simón, Camposancos, Oia, Figueirido, Rianxo, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Muros, Lavacolla, Betanzos, Ferrol, Cedeira, Ribadeo, Celanova… O acto central da xornada será ás doce do mediodía na illa de Santo Antón e contará coa intervención da escritora Susana Sánchez Arins. Acto reivindicativo nun lugar emblemático A illa de San Simón é todo un símbolo tanto do que supuxo a represión franquista como da resistencia que, pese ao que se acostuma pensar, opuxo o pobo galego ao golpe, así como da solidariedade que, cos presos do Lazareto amosaron moitas persoas da contorna e moi especialmente as mulleres, que lles levaban comida, roupa limpa e consolo. Este espazo foi campo de concentración entre 1936 e 1943 e nel estiveron máis de 6.000 persoas confinadas nunhas condicións extremadamente duras de fame, frío, enfermidade, tortura e un terror que tiña como expresión máxima as sacas nocturnas. A pesar disto, o actual goberno galego desmantelou a política de memoria que se iniciara no ano 2006 neste lugar simbólico coa súa declaración como Illa da Memoria por parte do bipartito que ademais puxo en marcha, da man dos colectivos, numerosas actividades de homenaxe e difusión relacionadas coa recuperación da memoria histórica das vítimas do franquismo. Todas estas iniciativas foron eliminadas a partir do 2009, baleirando o actual goberno a illa de calquera contido relacionado co seu pasado como campo de concentración franquista, chegando incluso a cambiar a denominación de illa da Memoria por illa do Pensamento. A partir dese momento foi a Iniciativa Galega pola Memoria a que tomou as rendas da organización da Homenaxe Nacional, á que sempre se outorga un dobre carácter de recoñecemento e tamén de reivindicación. Así, o acto do 16 de xullo servirá para reivindicar unha vez máis a aprobación dunha política pública da memoria de carácter estatal e por parte do goberno galego, baseada no respecto aos dereitos humanos e particularmente ao dereito á verdade, á xustiza e á reparación, o que obrigatoriamente debe ir aparellado coa derrogación da lei de Amnistía de 1977 e a anulación dos xuízos e condenas ditadas por tribunais franquistas. Tamén, que se recupere a denominación oficial de San Simón como Illa da Memoria, converténdoa de novo en espazo simbólico da memoria colectiva da represión, a resistencia e a solidariedade, no que se desenvolva un programa anual de actividades centradas nesta temática. A IGM cree que tras 40 anos de ditadura, e outros 40 nos que nas institucións predominou a desmemoria, asistimos a un novo castigo “oficial” ás vítimas: a perpetuación do discurso franquista baixo a apariencia de homenaxe “neutral”“Que unha corporación local pretenda equiparar a quen provocou unha ditadura de corenta anos con quen defendeu os dereitos e as liberdades parécenos unha nova burla ás vítimas do fascismo español e ás súas familias”, di a IGM, que conta para a denuncia co respaldo de familiares das vítimas dese concello
Pontevedra, 29 de xuño de 2017.- A Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), que agrupa colectivos de toda Galiza, quere amosar o seu total rexeitamento a actos que supoñan a equiparación das vítimas do franquismo e os seus verdugos, como o que vén de aprobar en sesión plenaria a corporación municipal de Cerdedo-Cotobade para Ponte do Barco-Pedre. Ponte do Barco-Pedre é un lugar de represión franquista e un símbolo da memoria democrática galega. No ano 2006 colocouse alí un monolito que lembra o asasinato, o 13 de agosto de 1936, dos sindicalistas da CNT de Cerdedo Francisco Arca e Secundino Bugallo. Promovido pola asociación ecoloxista e cultural Verbo Xido e sufragado por suscrición popular, o monolito foi obxecto de numerosas agresións fascistas e restaurado e reposto en diversas ocasións pola entidade. Ao seu carón celébrase desde hai anos, e por iniciativa popular, unha convocatoria na memoria das persoas que sufriron a represión franquista, mais no último pleno da corporación que preside Jorge Cubela aprobouse por unanimidade apropiarse do acto en cuestión, para, a partir deste ano, convertelo nunha “homenaxe formal a todas as vítimas”, deturpando o seu sentido e finalidade, e obviando incluso as recomendacións que ten feito o relator especial da ONU para este tipo de actuacións. O acordo xurdiu dunha moción socialista enmendada polo Partido Popular de tal xeito que vén a perpetuar o discurso franquista de dous bandos equidistantes enfrontados, sen facer distinción entre as persoas que foron asasinadas por defender a legalidade republicana e as que apoiaron un golpe de Estado que na Galiza non derivou en Guerra Civil senón nun brutal xenocidio que custou a vida a máis de cinco mil persoas e condenou a moitos milleiros ao agocho, o cárcere, o exilio, o ostracismo, a depuración laboral e unha morea de torturas. Crear un novo marco de homenaxes carentes de contexto ou que o terxiversan supón un total descoñecemento da memoria democrática ou o que é peor, unha total incoherencia política. Parece esquecer o acordo que a realidade é que todas as persoas asasinadas no territorio galego defendían as liberdades e que todas as que morreron no campo de batalla tamén son vítimas dun golpe de Estado: o dado en xullo de 1936 por parte da xerarquía militar, co apoio do capital e a igrexa cómplice, para pór freo aos avances sociais que na loita contra a desigualde ía dando a II República. Que unha corporación local pretenda equiparar a quen provocou unha ditadura de corenta anos con quen defendeu os principios democráticos que dita corporación debería representar, parécenos unha nova burla ás vítimas do fascismo español e ás súas familias, máis aínda cando tal decisión, que muda por completo o contido do acto e do monumento, tómase sen ter en conta ás familias das vítimas. Tras corenta anos de ditadura, e outros corenta no que nas institucións oficiais predominou a desmemoria, asistimos a unha nova ofensa ás vítimas, que a día de hoxe aínda non foron recoñecidas xurídica e socialmente como tais: a perpetuación do discurso franquista baixo a apariencia de homenaxe “neutral”. Pero a neutralidade é contraria á memoria, equipara a vítimas e verdugos e, neste caso, pretende substituír unha verdadeira homenaxe aos defensores da legalidade republicana cun acto no que se lles xunta cos seus represores ou con outros partidarios dos golpistas falecidos na contenda, que, por certo, xa foron homenaxeados e reparados dabondo polo réxime de Franco. Só é memoria o relato da verdade, e calquera formación política que ampare acordos como o de Cerdedo Cotobade non fai máis que converterse en cómplice da perpetuación da aldraxe. Teñen tan claro que non apostarán pola memoria que especifican no acordo que non darán nin un céntimo de euro para sufragar a suposta homenaxe. E o que é peor, néganse a retirar os honores ao ex alcalde franquista, Manuel Gutiérrez, a pesar de que dous xulgados xa dictaminaron que non hai ofensa ningunha en incluílo entre os responsábeis da barbarie. En definitiva, lonxe de honrar a memoria, o acordo da corporación de Cerdedo ampara a impunidade dos autores das represalias e perpetúa o abandono das familias esquecidas. A Iniciativa Galega pola Memoria lamenta que desde organismos oficiais se fomenten actuacións deste tipo no canto de apoiar as homenaxes que veñen facendo as familias e as asociacións de memoria desde hai anos, e por iso prega ás agrupacións políticas que o consentiron, un cambio de rumbo. Proxectarase en Pontevedra, Gondomar e A Estrada e contará coa presenza das autorasO Concello de Pontevedra, en colaboración coa comisión pola memoria histórica "Sempre con vós. Cidadanía pola verdade", xunto co "Instituto de Estudos Miñoranos" de Gondomar e a "Asociación Cultural Vagalumes" da Estrada traen a Galiza o documental "A Guerra também foi nossa", unha reportaxe da Radio e e Televisão de Portugal sobre a historia dos portugueses represaliados por Franco na guerra civil española. Proxectarase nos tres concellos entre os días 30 de maio e 1 de xuño, contando coa presenza das autoras.
A guerra civil tamén marcou para sempre a vida de millares de familias portuguesas. Cidadáns que vivían preto da fronteira ou traballaban en varias rexións españolas, víronse atrapados no conflito. Cando estalou a guerra en 1936 había 30000 portugueses emigrantes no Estado Español, constituíndo a comunidade estranxeira máis numerosa. Tres anos despois, a represión afectou só na Galiza a 370 veciños portugueses, constatando o asasinato de 68 persoas. Na reportaxe "A guerra também foi nossa", a RTP conta historias inéditas de portugueses que, a pesar de non teren ido á fronte de batalla, foron fusilados ou desapareceron a mans das forzas franquistas. Oitenta anos despois percorren a raia luso-española, da Galiza ao Alentejo, do Minho a Andalucía e rescatan as historias destes portugueses e das súas familias rotas polo horror da guerra. Entre esas historias destacan as de Manuel Graciano Araújo e Abílio Barbosa Araújo. Manuel, natural de Viana do Castelo, residía temporalmente na Estrada, onde traballaba como xornaleiro e canteiro. Membro do PCE, foi acusado de galeguista e comunista e internado no campo de concentración da Illa de San Simón. Posteriormente, foi xulgado en Pontevedra por rebelión militar co resultado de sentenza a pena de morte e executado o 28 de decembro de 1936 na mesma cidade, rexistrándose a morte a causa de colapso cardíaco. Os seus restos repousan no cemiterio municipal de San Amaro da cidade do Lérez. Abílio, nado en Paredes de Coura e residente en Gondomar, foi asasinado en 1937 no Rosal e soterrado pola veciñanza. O seu corpo foi exhumado en 2010 polo Instituto de Estudos Miñoráns, en colaboración con forenses do Instituto de Medicina Legal de Santiago. "A Guerra também foi nossa" é unha reportaxe da xornalista Ana Luísa Rodrigues, con imaxes de Carla Quirino e edición de José Rui Rodrigues. Conta coa colaboración e asesoramento do investigador Dionisio Pereira, quen estará presente e varias das proxeccións. A calidade do documental, de 44 minutos de duración, foi recoñecida o pasado mes de febreiro coa nominación aos "Prémios da Sociedade Portuguesa de Autores", na categoría de mellor programa de información televisiva. Calendario de proxeccións:
|
IGMIniciativa Galega pola Memoria |