Páxina de encontro do movemento memorialístico galego
Iniciativa Galega pola Memoria
  • Novas
    • Verdade >
      • O dereito a saber, a liberdade investigar
    • Xustiza >
      • Encontro da IGM co relator da ONU
      • Informe do Relator especial da ONU Pablo de Greiff sobre o Estado Español en materia de verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición
    • Reparación >
      • Nomes
    • Non repetición >
      • Manifesto de Montecubeiro contra a apoloxía do franquismo
  • Principios
  • Actos
    • Listaxes e Memorial
    • Historia do memorialismo galego
    • Homenaxe nacional ás vítimas do franquismo >
      • 2006
      • 2007
      • 2008
      • 2009
      • 2010
      • 2011
      • 2012
      • 2013
      • 2014
      • 2015
    • Desagravio ás vítimas do franquismo en Montecubeiro
  • Adhesións
    • Persoas
    • Entidades
  • Opinión
  • Recursos
    • Audio
    • Ligazóns
    • Fotos >
      • San Simón
    • Publicacións
    • Vídeos

Manifesto San Simón 2026

8/26/2026

0 Comments

 
Foto
Conmemoramos o 90 aniversario do golpe militar que desatou unha brutal represión e provocou milleiros de vítimas en diferente grao, desde a morte e a tortura até o exilio ou o cárcere pero que, en calquera caso, todas sofreron inxustamente as consecuencias do asalto pola forza ao poder do Estado de quen non lograba pacificamente acadar o apoio suficiente da vontade popular democraticamente manifestada. 
Lembramos colectivamente un pavoroso acontecemento da nosa Historia e facémolo co fin de preservar a súa memoria e manter vivo o seu terrible significado. Porque non podemos, nin queremos, esquecérmonos do padecemento das vítimas da sublevación militar fascista de 1936.
Esa ideoloxía que animou daquela o uso da violencia para compensar a súa falla de argumentos é hoxe un ideario en auxe, que lonxe de ser un vestixio do pasado aínda fascina a grandes capas da poboación que se ven seducidas pola inculpación a chibos expiatorio dos seus males. Por isto é tan importante a memoria como vacina contra estes totalitarios ao lembrar os seus efectos perniciosos: a destrución física, económica e cultural que provocaron na nosa sociedade e da cal aínda non nos recuperamos.
É pois, hoxe, 20 anos despois da fundación deste espazo de encontro, que consideramos máis necesario que nunca o labor que estamos a facer as entidades e persoas que confluímos na Iniciativa Galega pola Memoria. 20 anos despois da celebración daquel ano da memoria e a denominación de San Simón como Illa da Memoria, recordamos aqueles pasos adiante que demos entón, para ser conscientes dos pasos atrás que se están a dar agora e que requiren que reaccionemos con máis contundencia. 
Por iso reafirmámonos nos principios comúns que nos uniron xa hai dúas décadas. 
O dereito a verdade 
Continúamos a denunciar as trabas para acceder aos arquivos e a falla de difusión do acontecido durante o período franquista. Seguimos a demandar apoio á conservación e potenciación dos arquivos da memoria, tanto públicos como de partidos, sindicatos, fundacións e outras entidades.
Instamos á Administración a que apoie os familiares das vítimas da represión na procura de información, presentación de reclamacións, e cantos trámites precisen.
Esiximos a intervención pública das distintas administracións nos labores de localización, identificación das foxas de enterramentos das vítimas do franquismo e, no seu caso, exhumación. A divulgación dos resultados e a elaboración dun protocolo de actuación científica multidisciplinar.
Tamén a revisión dos currículos escolares, fomentando e apoiando a elaboración de materiais didácticos sobre o período republicano, a sublevación militar fascista, a Ditadura e a resistencia antifranquista.
O dereito á xustiza
Esiximos a condena do franquismo, que foi declarado en decembro de 1946 pola ONU como un réxime criminal. 
A declaración da nulidade dos xuízos franquistas, de todos os procesamentos, sentenzas, expedientes, condenas e sancións, tanto durante a Guerra Civil como na posterior Ditadura, ate a aprobación da Constitución española no ano 1978. 
A aplicación do dereito internacional sobre as vítimas da represión franquista, incompatible con calquera mecanismo de impunidade, é dicir a súa imprescritibilidade. 
A consideración dos crimes do franquismo como delitos contra a humanidade. E A anulación, seguindo a recomendación da Comisión de Dereitos Humanos da ONU datada o 30/10/2008, da Lei de Amnistía do ano 1977.
O dereito á reparación
Pedimos a todas as administracións (central, autonómica e local) a retirada nos espazos públicos dos símbolos franquistas e as referencias ás persoas relacionadas coa Ditadura que sirvan para a exaltación deste réxime.            .
E reclamamos actuacións proactivas a prol de significar os lugares de memoria coa súa respectiva sinalización e conservación, así como o respaldo a todas as iniciativas que contribúan ao recoñecemento público das vítimas a través de monumentos, rótulos ou denominacións de locais, etc.. co fin de reparar persoal e socialmente a aqueles que sufriron a represión franquista.
E desde este lugar que foi campo de concentración, esiximos a inmediata declaración  como lugar da memoria da Illa de San  Simón e do Pazo de Meirás empregando o seu uso para a difusión da nosa memoria histórica, así como o apoio e a tramitación favorábel das iniciativas locais de recoñecemento de lugares da memoria que se presenten.
Garantías de non repetición
Demandamos tamén a regulación da apoloxía do franquismo como delito, e a prohibición de toda exaltación do mesmo. Que se protexan e amparen os monumentos memorialísticos, e se investigue e persiga a súa vandalización coa conseguinte sanción exemplar aos culpábeis.
En definitiva, sobran os motivos para seguir a reivindicar memoria. Vimos xuntándonos todos os anos desde hai 20 nesta illa para a homenaxe nacional ás vítimas do franquismo na Galiza. Co vento a favor ou en contra seguimos a remar todos xuntos,  todas xuntas, ano tras ano, na dirección dun mundo mellor no que a democracia, a paz e a liberdade pola que loitaron as persoas que aquí lembramos sexan ao fin realidade.​
0 Comments



Leave a Reply.

    Imagem

    IGM

    Iniciativa Galega pola Memoria

    Memorial
    Entidades adheridas
    Imagen

      Contacto

    Enviar

    Fuente RSS

Powered by Create your own unique website with customizable templates.